mércores, 10 de decembro de 2008

Placa Arduino para o Belén


Como xa comentamos na entrada anterior, imos a comentar o uso que fixemos da placa controladora Arduino para realizar os automatismos do Belén.

En cursos anteriores elaboramos no Taller de Tecnoloxía unha placa controladora por porto paralelo do PC, que aínda que nos permitía activar practicamente calquera dispositivo eléctrico ou electrónico independentemente da súa tensión de funcionamento, tiña o grave inconvinte de que necesitaba estar conectada a un PC permanentemente para que lle chegaran as sinais de control polo seu porto paralelo.

Durante este curso adquirimos varias placas Arduino que estamos a utilizar como substituto do ordenador para activar a placa controladora por porto paralelo.

Arduino conéctase por USB ó ordenador e desde este, usando o programa Arduino (baseado na linguaxe Processing), se lle programa a secuencia que queremos que Arduino execute. A partir deste momento, Arduino pode desconectarse do ordenador e actuar independentemente, necesitando tan só dunha fonte de alimentación de 9V ou similar.

O único problema inicial que podemos ter con Arduino, que é que non se pode conectar directamente a moitos dos dispositivos electricos que queremos activar, o solucionamos utilizando como interfase a nosa controladora por porto paralelo que conta con relés ás saídas que nos permiten traballar con calquera tensión e intensidade que desexemos.

Na foto superior pódense observar as conexións entre a placa controladora por porto paralelo e a placa Arduino. Arduino realiza o control dos automatismos e a placa controladora por porto paralelo funciona como unha interfase cos dispositivos eléctricos do Belén (luces a 220V, bomba de auga do río, motores de contínua do muiño e do Aserradoiro, etc).

Nesta foto móstrase toda a montaxe eléctrica (cadros de alimentación que proporcionan diversas tensión contínuas e alternas) e electrónica (a placa controladora por porto paralelo e a placa Arduino).

Ningún comentario: