luns, 15 de decembro de 2014

Premiados no concurso "Sensores para todos" organizado por Igaciencia

Os organizadores (Inés Bens e Manuel Regueiro de Igaciencia á esquerda da imaxe) xunto ás autoridades.

O pasado venres 12 de decembro os alumnos de 4º PDC vimos de recibir o premio do Concurso "Sensores para todos", organizado por Igaciencia.

Pódense consultar os traballos premiados no concurso "Sensores para todos" na páxina de Igaciencia: Gañadores dos concursos "Inventa en Galego" e "Sensores para todos".

O noso traballo, consistía nun medidor do tempo de reacción simple utilizando a placa microcontroladora "Arduino" e diversos sensores electrónicos (entre eles un emisor-receptor de infravermellos).

O momento da entrega do premio

 Un instante da presentación realizada por Rocío Correa, Sandra García e Andrea Mijares

O traballo o realizamos os alumnos de 4º PDC do IES. Chano Piñeiro:
  • Rocío Correa
  • Jessica Cortizo
  • Ernesto Fraguas
  • Sandra García
  • Tamara López
  • Andrea V. Mijares
  • Nicolás Ogando
  • Rodrigo Torres
  • Ivo Varela

Unha información máis detallada sobre o proxecto presentado ao concurso, a podedes acadar nunha entrada anterior deste blogue: Concurso "Sensores para todos" de Igaciencia: Medidor do tempo de reacción simple.

venres, 14 de novembro de 2014

Exposición fotográfica: A horta e xardín do IES. Chano Piñeiro.

 A autora: Tamara Álvarez.

Recentemente, se inaugurou no IES. Chano Piñeiro, unha exposición fotográfica cunha selección das fotos realizadas por Tamara López durante o pasado curso sobre a Horta e Xardín do noso Instituto.
A exposición consta de 12 fotografías impresas en cartón-pluma en diversos tamaños (A4 e A3).

Estas fotografías foron utilizadas na elaboración do herbolario do IES. Chano Piñeiro e na elaboración da memoria do traballo presentado ao “I Premio Nacional de Huertos escolares ecológicos de España".

Dúas das fotografías da exposición

Para rematar, unha foto panorámica que recolle toda a exposición:

xoves, 6 de novembro de 2014

Concurso "Sensores para todos" de Igaciencia: Medidor do tempo de reacción simple

Imos a presentar ao concurso "Sensores para todos" organizado por Igaciencia, o medidor do tempo de reacción simple que realizamos para a exposición do V día da Ciencia en Galego.

O esquema da maqueta que presentamos, ao V día da Ciencia en Galego no IES. Chano Piñeiro, os alumnos de 4º PDC, se mostra na seguinte imaxe:

A maqueta contén 1 sensor de Infravermellos (para detectar o movemento da man), 1 díodo láser, 1 altofalante e 2 pulsadores que inician a secuencia de medición da resposta ao estímulo visual (láser) e sonoro (altofalante).

Esta maqueta a conectamos a unha placa Arduino duemilanove que está, á súa vez, conectada por USB a un portátil onde se mostran os datos e son recollidos nunha folla de Cálculo (Calc de LibreOffice).
Detalle da conexión da maqueta, arduino e o ordenador.
Este medidor do tempo de reacción simple, o presentaremos ao concurso "Sensores para todos" de Igaciencia, xunto cos resultados estatísticos e gráficas obtidas a partires das medicións realizadas aos alumnos e profesores que se ofreceron a realizar as medicións.
Premendo na seguinte ligazón pode accederse á Ficha presentada ao concurso sobre esta actividade: "Ficha Actividade medida tempo de reacción simple.pdf".

Tamén se pode descargar o programa realizado para Arduino que está no pdf: "Programa en Arduino Midereaccionsimple".

Os resultados obtidos foron recollidos nunha folla de cálculo Calc de LibreOffice: "Resultados medicions reacción simple.ods".

Coa axuda da folla de cálculo obtivemos varias gráficas de tempos medios de reacción similares á mostrada na imaxe seguinte:

luns, 27 de outubro de 2014

Preparando a V edición do Día da Ciencia e Tecnoloxía en Galego

Como tódolos anos IGACIENCIA convoca o día da Ciencia en Galego.

Este ano propoñen a utilización de sensores físicos como: sensores de temperatura, de son, de distancia, de luz, de infravermellos, acelerómetros, xiróscopos, GPS, de orientación... e o seu uso e aprendizaxe na clase.

Os alumnos de Tecnoloxía de 4º PDC seremos os encargados de realizar unha montaxe coa placa microcontroladora Arduino e un sensor de infravermellos, entre outros dispositivos.

A nosa idea é realizar un dispositivo que mida o tempo de reacción simple, isto é, o tempo que podemos tardar en dar unha resposta decidida de antemán a un estímulo fixo.

Durante o día da Ciencia en Galego esperamos realizar medidas do tempo de reacción simple a tódolos alumnos e profesores que queiran realizar a proba. 

Por último, realizaremos uns estudos estatísticos (coa axuda da folla de cálculo) dos datos obtidos.

En vindeiras datas iremos poñendo os avances na preparación da montaxe e as probas de cara ao día da Ciencia en Galego que celebraremos no IES. "Chano Piñeiro" o martes 4 de novembro.

mércores, 11 de xuño de 2014

Visita á explotación ecolóxica de Isidro Peleteiro en Pedre

Xoaniña nunha flor.
Onte visitamos a explotación de agricultura ecolóxica que Isidro e María Elena teñen en Pedre.
Con moita paciencia, explicáronnos en profundidade os pormenores de funcionamento da súa explotación: Creación e mantemento dos bancais, proceso de poda dos tomates, etc.
A súa explotación conta cun invernadoiro e tamén con plantación no exterior.
 
Lagartixa nun bancal do invernadoiro.
Ademais das actividades agrícolas, tamén realizan actividades gandeiras, así teñen animais como: Galiñas, ovellas, vacas e ocas.
Dúas ocas novas.
Está entrada foi ilustrada coas fotos tomadas por Tamara Álvarez.

sábado, 24 de maio de 2014

Visita á "Horta da Ponte"

 Xulio (un dos propietarios) tapado en parte por Nico (de espaldas).

Un ano máis, e xa van 3, a finais de maio ou principios de xuño realizamos unha visita ao invernadoiro da "Horta da Ponte" en Forcarei. Este ano, debido ao tempo caloroso das semanas anteriores, decidimos adiantar a visita a mediados do mes de maio.

Xulio e Aurora, os propietarios, nos mostraron este exemplo de agricultura ecolóxica, que ten plantación en invernadoiro e tamén en exterior.

Explicáronnos os métodos usados na súa explotación: Conservación dos bancais, alternancia das diversas plantas co aproveitamento das asociacións beneficiosas entre elas, mantemento das sementeiras e transplantado, etc.

Á esquerda se poden apreciar as plantas listas para o transplante.

sábado, 10 de maio de 2014

Fichas das plantas da horta

 Vista da horta (4 bancais), principios do mes de maio.

Fichas das especies de plantas de horta do IES. Chano Piñeiro.
  1. Cebola.
  2. Allo porro.
  3. Leituga.
  4. Allo.
  5. Berenxena.
  6. Cabaciña.
  7. Pataca.
  8. Amorodeira.
  9. Coliflor.
  10. Acelga.
Para abrir ou descargar os arquivos en formato pdf coa ficha de cada planta, premer na ligazón correspondente.

Responsables: Rocío, Sandra e Andrea.
Fotografías: Tamara Álvarez.

Fichas das plantas de flor (ornamentais)

Detalle da flor de Tulipán rosa

Fichas das especies de plantas de flor (ornamentais) existentes no xardín do IES. Chano Piñeiro.
  1. Caléndulas.
  2. Margarida común.
  3. Tulipán.
  4. Lirio azul.
  5. Sempreviva ou Estaticia.
  6. Xacinto.
  7. Amarelle ou Narciso.
  8. Roseira.
  9. Xazmín trepador.
  10. Azalea.
  11. Camelia.
  12. Hortensia.
  13. Caraveleira.
  14. Abeloura ou Hipérico.

Para abrir ou descargar os arquivos en formato pdf coa ficha de cada planta, premer na ligazón correspondente.

Responsables: Ernesto e Tamara.
Fotografías: Tamara Álvarez.

Fichas plantas aromáticas e medicinais

Romeu en flor (finais de abril principios de maio)

Fichas das especies de plantas aromáticas e medicinais existentes no xardín do IES. Chano Piñeiro.
  1. Tártago.
  2. Lavanda.
  3. Tomiño común e Tomiño limón.
  4. Ourego.
  5. Romeu.
  6. Perexil.
  7. Menta.
  8. Hierbabuena.
  9. Néboda.
  10. Helicriso ou planta do curry.

Para abrir ou descargar os arquivos en formato pdf coa ficha de cada planta, premer na ligazón correspondente.

Responsables: Jessica e Ivo.
Fotografías: Tamara Álvarez

mércores, 7 de maio de 2014

Fichas árbores frutais

 Brotes do limoeiro (finais abril)

Fichas árbores frutais existentes no xardín do IES. Chano Piñeiro.

  1. Maceira.
  2. Pereira.
  3. Laranxeira.
  4. Limoeiro.
  5. Framboeseira.
  6. Arandeira.
  7. Amoreira. 

Para abrir ou descargar o arquivo en formato pdf coa ficha da árbore, premer na ligazón correspondente.

Responsables: Rodrigo e Nicolás.
Fotografías: Tamara Álvarez

Libro de fichas das plantas da horta e xardín

 Sandra, Jessica, Ivo, Tamara e Andrea na horta (finais do inverno)

Xa van 3 anos desde que no IES. Chano Piñeiro comezamos o proxecto de rehabilitación dos 2 patios interiores (ata entón en desuso) para utilizalos como horta e xardín.
Co paso do tempo, e o gran número de plantas que con maior ou menor sorte levamos plantadas nestes anos empeza a ser algo complicado recordar os seus nomes.
É por isto, que decidimos facer un libro de consulta con fichas de cada unha das especies de plantas de que dispoñemos actualmente, coa intención de que aumente segundo vaiamos introducindo outras. Decidimos ademais facer 3 copias deste libro de fichas, 2 delas estarán na biblioteca de aula de 3º e 4º PDC e a outra na Biblioteca do Centro.

Actualmente temos unhas 41 especies de plantas diferentes para as que realizaremos a súa correspondente ficha que constará dos seguintes apartados:
  • Nome en galego.
  • Nome culto.
  • Clasificación científica.
  • Nome en castelán, inglés e francés.
  • Foto identificadora.
  • Descrición.
  • Hábitat.
  • Observacións.
Ademais engadiremos unha folla para cada planta, co título Anotacións, onde iremos escribindo a man notas relativas a adaptación da planta a nosa horta e xardín: desenrolo, época de siembra, recolección, poda, coidados, aclimatación, etc.

O libro se dividirá en 4 apartados:
  1. Plantas de flor (ornamentais).
  2. Árbores frutais.
  3. Plantas aromáticas e medicinais.
  4. Hortalizas.
Da realización das fichas de cada apartado se ocuparán os membros dos grupos indicados nunha entrada anterior.

En vindeiras entradas se irán mostrando as fichas realizadas por cada grupo para ao final obter o libro de fichas completo.

Distribución do traballo na horta coa chegada da Primavera

Despois dun chuvioso inverno e coa chegada da primavera e con ela do bo tempo, fixemos a distribución do traballo na horta e no xardín.

Os encargados do sementeiro e da horta son: Sandra, Andrea e Rocío.
Ata agora teñen na horta: Cebola, puerro, leituga, allos, escarola, amorodos, repolo, calabacín, pataca, coliflor, fabas e chícharos.

 
Sementeiro
Sandra e Andrea na horta a comezos de abril

Os encargados das plantas de flor (ornamentais) son: Ernesto e Tamara.
As plantas ornamentais que temos son: Caléndulas, margaritas, tulipáns, lirios, semprevivas, xacintos, narcisos, roseiras, xazmín trepador, azalea e camelio.
 Tulipán
Amarelle ou Narciso

Os encargados das plantas aromáticas e medicinais son: Jessica e Ivo.
Se ocupan das seguintes plantas: Tártago, lavanda, salvia, valeriana, albahaca, tomiño limón, tomiño común, ourego, romeu, perexel, menta, hierbabuena, néboda e Helichrysum thianschanicum.
 Néboda
 Romeu

Os encargados das árbores frutais son: Rodrigo e Nicolás.
Ata o de agora teñen: Maceira, pereira, laranxeiro, limoeiro, framboeseiro, arandeira, amoreira.
Amoreira
Pereira

Por último, a encargada de realizar tódalas fotografías necesarias para ilustrar este blogue e futuros traballos de recollida de información sobre a horta e o xardín é: Tamara.

xoves, 13 de febreiro de 2014

A Estrutura interna da terra

A Terra está formada por capas concéntricas chamadas xeosferas, como se pode apreciar no seguinte debuxo:

(fonte imaxe: Wikipedia)

A Terra, ao igual que o resto dos planetas, lúas e meteoritos do Sistema Solar, formouse fai uns 5000 millóns de anos despois da explosión dunha supernova producida nun sistema de estrelas binarias.
O interior da Terra consiste de rocha e metal e está dividido en catro capas, o que é típico dos planetas rochosos. Estas 4 capas son:
  • O núcleo interno: De metal sólido.
  • O núcleo externo: De metal fundido (fluido).
  • O manto: Denso e que consiste basicamente de rochas.
  • A codia: Unha capa delgada de material rochoso.
A temperatura do núcleo interno chega a ser maior que a da superficie do Sol. A consecuencia deste intenso calor, os materiais do núcleo externo e do manto flúen dando como resultado que as grandes placas que forman a codia terrestre deriven lentamente na superficie.

Para chegar a estas conclusións sobre as capas do interior da Terra, se realizan medidas físicas estudando as diversas ondas que se transmiten a consecuencia dos terremotos.


Entre as principais ondas estudadas están as ondas P e as ondas S.


Ondas P: Son tamén chamadas ondas primarias, lonxitudinais ou de compresión, debido a que ao seu paso as partículas só vibran na mesma dirección que a onda sísmica. Polo tanto, o solo comprímese e dilátase tamén na mesma dirección que a onda. Neste sentido semellan ondas sonoras. Son as ondas que se propagan con maior velocidade, case o dobre de rápido que as ondas S, sendo as primeiras en detectarse polos sismógrafos despois dun terremoto.

Ondas S: Son tamén chamadas ondas secundarias, transversais ou de cizalla, é isto débese a que, ao seu paso, fan vibrar as partículas oscilando nun plano perpendicular á dirección de propagación das ondas. A súa velocidade de propagación é menor ca das ondas P, e dependen para desprazarse da elasticidade do medio, pois non se transmiten en medios fluídos.